sábado, 11 de marzo de 2017

Unha visita especial

Dentro do Plan de Difusión e Divulgación, todas as visitas guiadas teñen o mesmo tratamento e consideración, pero non podemos negar que algunhas resultan máis estimulantes que outras. E esta é unha delas. Onte á tarde achegáronse un grupo de veciños de Sobrado, Vilasantar e Curtis. Era moi heteroxéneo, sobre todo en idade, como me gustan a min, pero tiña en común que a maioría rexentaban negocios de hostelería, turismo rural, industria artesanal do queixo e mesmo un albergue do Camiño nestes mesmos concellos. Sen dúbida, os motores do turismo da comarca.

O grupo funcionou moi ben, a tardiña de sol acompañou, a visita foi divertida e moi ilustrativa, e todos chegamos á conclusión que Ciadella, co seu forte romano e o resto do seu valioso patrimonio arquitectónico e etnográfico, é un recurso fundamental para o desenvolvemento económico e turístico desta zona de Galicia e que pode ser un piar fundamental no progreso e mellora dos seus negocios e das súas iniciativas profesionais.

Aproveito para agradecer, en nome de todo o equipo, ás xerentes da Casa do Queixo de Grixalba, en Sobrado, a súa colaboración, chea de espíritu positivo e compañeirismo, na programación e desenvolvemento da visita a un lugar que xa forma parte das súas vidas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario