lunes, 13 de febrero de 2017

Santa María da Ciadella

Cidadela tamén conta unha historia máis aló do abandono do forte polos oficiais e soldados da Cohors I Celtiberorum, as súas familias e a súa facenda. Dos tempos medievais, época dourada nas terras de Curtis e o condado de Présaras, subsite en pé, empoleirada sobre as pedras vivas de romanos e suevos, a magnífica igrexa parroquial de Santa María da Ciadella.

Para quen visite o campamento (e recomendamos facelo de vagar e cos ollos ben abertos) resulta inexcusable gozar deste pequeno templo rural, situado xusto extramuros do forte, quen sabe si sobre a mesma cannaba. Rodeada pola "parroquia do mortos", a parroquia dos vivos da Ciadella é unha pequena xoia do románico das Agras, un templo lilliputiense formado por unha nave rectangular e cabeceira cadrada. Malia as reformas sufridas ao longo do tempo, sobre todo na portada, ainda mostra na escala, nas proporcións, na fortaleza dos contrafortes e na delicadeza enigmática dos seus canicelos, as características da suxestiva arquitectura relixiosa de finais do século XII. E como aquí non damos puntada sen fío, reparen tamén no excelente exemplo de arquitectura popular situado á entrada do adro: un fermoso hórreo de madeira de tipo Mariñán,  magníficamente restaurado, a "mula de carga" da sociedade campesiña tradicional.








miércoles, 8 de febrero de 2017

Benvido profesor!

Nun xacemento arqueolóxico aberto hai visitas que valen por un millón, e esta é unha delas. Hoxe achegouse a Cidadela o profesor Caamaño Gesto, histórico director das escavacións do campamento dende os tempos heroicos da arqueoloxía. Aproveitou para coñecer sobre o terreo, e de primeira man, o desenvolvemento dos traballos, os resultados obtidos ata o momento e as expectativas que se agochan baixo os sedimentos ainda non escavados. Ademáis, con ese talante afable, alegre e comunicativo que o caracteriza, aportou datos e suxerencias moi interesantes, un coñecemento construido ao longo de catro décadas de traballo no xacemento, aí é nada!

Caamaño é un arqueólogo dos que xa non quedan e non dubidou en seguir aquela liturxia tan propia da nosa profesión: logo da visita, compartiu mesa, mantel e menú do día co equipo de traballo, e prometeu que volvería. Que sexa pronto, profesor!






!

martes, 7 de febrero de 2017

Plan de divulgación: acto de presentación do proxecto Cidadela 2017

O vindeiro xoves 9 de febreiro, ás 20,00 horas, terá lugar no salón de actos da Casa do Concello de Sobrado, na emblemática e fermosa praza do Portal, o acto de presentación do Proxecto de escavación e consolidación arqueolóxica do Campamento Romano de Cidadela. En representación do equipo de traballo participarán Luis Francisco López, arqueólogo director da actuación, e Tito Concheiro, arqueólogo técnico do proxecto e responsable do Plan de divulgación.


Os arqueólogos non somos paracaidistas que aterran, abren o burato e liscan para outra feira. Arestora, resulta inconcebible que un proxecto arquelóxico non conte con actividades didácticas e de divulgación sobre os traballos de campo, o seu devalar e os seus resultados. O noso Plan de divulgación significa unha oportunidade única de convivir coa comunidade local, os primeiros interesados en saber qué diaños facemos nestes duros días de invernía polas ruinas do forte romano, esas enigmáticas pedras vivas que xa estaban aí cando naceron e que os acompañarán durante toda a súa vida.

Os seráns de febreiro non están feitos para eventos sisudos e académicos. Este é un acto público  e queremos que sexa entretido, didáctico e divertido, aberto aos veciños de Sobrado e a todos aqueles que estades interesados no proxecto, os auténticos protagonistas desta herdanza marabillosa: Cidadela.

lunes, 6 de febrero de 2017

Na muralla oeste

Como si fuxise da surada que zoa na gándara da Ciadella, o grupo procurou esta semana o acubillo da cerca. Aquí centraremos agora os nosos esforzos e fatigas. A foto aérea reflicte moi ben a actual área de intervención, xa comezados os traballos de escavación e abertas as sondaxes exteriores e a gabia do intervallum. Pode observarse a longa cortina exhumada polo equipo de Ramil González nas actuacións feitas na segunda metade da década pasada. En primeiro termo albíscase a parte inferior dunha torre intervallum proxectada cara ao interior do o campamento e máis aló, no ángulo do recinto fortificado, os restos da pertinente torre angular, fundamental na defensa dos flancos Norte e Oeste.


O proceso histórico de agrarización do territorio (que diluíu os vestixios nunha gran agra pechada), asi como o trazado e construción da pista e a triste utilización do lugar como canteira de saca de sillares e cachotes, petaron moito nos restos do forte romano. Nas imaxes de detalle que siguen pode observarse cómo aflora a alma da muralla, descarnada e á vista, como consecuencia da perda do seu paramento exterior.