miércoles, 15 de marzo de 2017

Un intervallum non tan baleiro

Nun campamento romano o intervallum era unha franxa lonxitudinal baleira que percorría o perímetro interno todo ao longo da parede da muralla. Como a maioría dos fortes romanos concibíronse como auténticas plataformas de combate, a función primordial deste espazo era defensiva, tanto na vertente pasiva, afastando os barracóns e outras dependencias e protexéndoos de saetas e proxectís, como activa, facilitando o movemento dos soldados e máquinas de guerra en caso de ataque.

Os romanos eran unha sociedade moi práctica e, por eso mesmo, en Cidadela os competentes enxeñeiros da Legio VII deseñaron un forte que, á súa escala, a que precisaba unha unidade de tropas auxiliares de cincocentos homes, segue punto por punto o plano clásico. E, loxicamente, tamén hai intervallum, o lugar onde levamos centrados gran parte dos nosos esforzos. Con todo, a escavación demostrou que, polo menos neste sector Oeste e no tempo de esplendor do campamento, o intervallum, ainda sendo un espazo aberto,  non estaba tan baleiro como se pensaba. Por iso resultou moi estimulante atopar os vestixios do que semella ser un pavimento ou área de paso que ocupa a espiña central do intervallum, un rústico nucleus de chapacuña fortemente apisonado. Polo de agora, está en proceso de escavación e cara ao Norte ainda non está definido, pero si nese punto flexiona e cambia a dirección Leste ao mesmo tempo que o intervallum, poderíamos chegar a plantearnos que no forte da gándara existiu unha avenida liliputiense que circunvalaba parte do seu perímetro interior.




No hay comentarios:

Publicar un comentario