viernes, 31 de marzo de 2017

A curva máxica

Vexo estas fotos da vía sagularis do forte da gándara, tiradas onte mesmo, e eu, que son moi coruñés e moi branquiazul, sinto como un lóstrego na miña memoria. E volven os domingos dunha vila das Agras cuberta de lastro, ao xeito dun muro de Flandes, a viaxe nun Morris verde á grande cidade do Atlántico e a mítica curva do vello Riazor, entre tribuna, grada elevada e maratón, aquela soberbia obra futurista de Rey Pedreira, unha arquitectura exquisita e fermosa que choraremos sempre,



lunes, 20 de marzo de 2017

E ao final virou!

No relato anterior planeabamos a posibilidade de que os restos de pavimento empedrado atopados no intervallum xirasen de acordo coa xeometría do campamento. Efectivamente viraron e, trazando unha suave pero ben marcada curva,  tomaron dirección Leste, agochándose no perfil da área arqueolóxica.  
Este achado, que enriquece moito a visión actual do xacemento, asegura a hipótese de que o intervallum, ese espazo aberto situado entre a cara interior da muralla e as dependencias campamentais, servise de soporte a unha calzada empregada como vía de circunvalación. E non só foi respectada durante a vida militar da Ciadella, senón que, segundo revelou a súa escavación, foi obxecto, polo menos, dunha reforma que garantíu a súa conservación e plena funcionalidade. Loxicamente serán as intervencións futuras as que determinen se esta rúa percorría todo o perímetro interno do campamento ou se limitaba a sectores concretos do forte que albergou á Cohors I Celtiberorum.




miércoles, 15 de marzo de 2017

Un intervallum non tan baleiro

Nun campamento romano o intervallum era unha franxa lonxitudinal baleira que percorría o perímetro interno todo ao longo da parede da muralla. Como a maioría dos fortes romanos concibíronse como auténticas plataformas de combate, a función primordial deste espazo era defensiva, tanto na vertente pasiva, afastando os barracóns e outras dependencias e protexéndoos de saetas e proxectís, como activa, facilitando o movemento dos soldados e máquinas de guerra en caso de ataque.

Os romanos eran unha sociedade moi práctica e, por eso mesmo, en Cidadela os competentes enxeñeiros da Legio VII deseñaron un forte que, á súa escala, a que precisaba unha unidade de tropas auxiliares de cincocentos homes, segue punto por punto o plano clásico. E, loxicamente, tamén hai intervallum, o lugar onde levamos centrados gran parte dos nosos esforzos. Con todo, a escavación demostrou que, polo menos neste sector Oeste e no tempo de esplendor do campamento, o intervallum, ainda sendo un espazo aberto,  non estaba tan baleiro como se pensaba. Por iso resultou moi estimulante atopar os vestixios do que semella ser un pavimento ou área de paso que ocupa a espiña central do intervallum, un rústico nucleus de chapacuña fortemente apisonado. Polo de agora, está en proceso de escavación e cara ao Norte ainda non está definido, pero si nese punto flexiona e cambia a dirección Leste ao mesmo tempo que o intervallum, poderíamos chegar a plantearnos que no forte da gándara existiu unha avenida liliputiense que circunvalaba parte do seu perímetro interior.




sábado, 11 de marzo de 2017

Unha visita especial

Dentro do Plan de Difusión e Divulgación, todas as visitas guiadas teñen o mesmo tratamento e consideración, pero non podemos negar que algunhas resultan máis estimulantes que outras. E esta é unha delas. Onte á tarde achegáronse un grupo de veciños de Sobrado, Vilasantar e Curtis. Era moi heteroxéneo, sobre todo en idade, como me gustan a min, pero tiña en común que a maioría rexentaban negocios de hostelería, turismo rural, industria artesanal do queixo e mesmo un albergue do Camiño nestes mesmos concellos. Sen dúbida, os motores do turismo da comarca.

O grupo funcionou moi ben, a tardiña de sol acompañou, a visita foi divertida e moi ilustrativa, e todos chegamos á conclusión que Ciadella, co seu forte romano e o resto do seu valioso patrimonio arquitectónico e etnográfico, é un recurso fundamental para o desenvolvemento económico e turístico desta zona de Galicia e que pode ser un piar fundamental no progreso e mellora dos seus negocios e das súas iniciativas profesionais.

Aproveito para agradecer, en nome de todo o equipo, ás xerentes da Casa do Queixo de Grixalba, en Sobrado, a súa colaboración, chea de espíritu positivo e compañeirismo, na programación e desenvolvemento da visita a un lugar que xa forma parte das súas vidas.



jueves, 9 de marzo de 2017

A muda

Como si fose un coloso, o derradeiro sobrevivente dun tempo remoto e lendario, o campamento comeza a mudar de pel ás portas da primavera. Nesta imaxe, tirada hoxe mesmo, podemos apreciar o "estirón", ese reprís que te sorprende un día, cando te decatas do moito que se ten avanzado na restauración arqueolóxica, un tipo de actuación lenta e constante, moitas veces mesmo ingrata, na que tardan en verse os resultados.

Xa ben sobrepasado o ecuador da actuación, o gran ourizo recupera peseniñamente a muralla, aquela coiraza que foi a súa marca, a carta de natureza do enigmático forte que os romanos ergueron na gándara.

miércoles, 1 de marzo de 2017

Na espiña do ourizo

A parede exterior do valo do Campamento sufriu moito, quizais demasiado, devastada por anos de saqueo e pedreira. Un traballo que, seguramente, comezou pouco despois do abandono do forte polos soldados romanos e o posterior colapso do asentamento xermánico. 

Diluida a cerca na paisaxe agraria tradicional, convertida nun cómaro máis da agra da Igrexa, era razoable pensar que  o vello muro foise co vento da historia que zoa na gándara. Pero está aí, e mesmo se albisca o seu baseamento na curva do ángulo Noroeste, no lugar onde os talentosos proxectistas da lexión ergueron a torre de flanqueo, unha das espiñas que fixeron de Cidadela un ourizo inexpugnable




.