lunes, 30 de enero de 2017

A cerca

Como a todos os fortes romanos, a Cidadela imprimíalle carácter o seu sistema defensivo. En realidade, o campamento era un complexo pechado por unha muralla reforzada por torreóns á que antecedía un foxo de perfil en V escavado na rocha. Un sistema clásico que se repite dende a Prehistoria ata os búnkeres artillados de formigón do século XIX, o canto do cisne da enxeñería defensiva.

Cidadela foi planeada polos talentosos técnicos da Legio VII seguindo o modelo convencional romano. De feito, a típica planta campamental de inmenso rectángulo con esquinas redondeadas, aínda hoxe resulta preceptible a simple vista.

Cando estaba en funcionamento, o aspecto do forte tiña que ser impactante e impoñente. Algo nunca visto antes e tremendamente orixinal nun escenario dominado por vilas abertas, pequenos aglomerados rurais e castros crepusculares. Malia o anárquico trazado da súa cannaba, a silueta do campamento debía de ser visible dende lonxe e constituía un fito, unha marca colosal na paisaxe. Para os seus contemporáneos, un espazo así tiña que estar trufado de significados potentes e dunha mística moi especial.

Xa que logo, recuperar ese aspecto de forte, de castrum romano, que tanto o asemella aos seus curmáns do limes ou do muro de Adriano, é un dos grandes retos desta campaña de escavación en Cidadela, nas frías gándaras de Sobrado.

Nas fotos poden verse os traballos de limpeza e definición das antigas sondaxes abertas sobre o foxo e o paramento exterior da muralla no Leste do campamento e as logas gabias que procuran o trazado diluído na banda da Igrexa


, nesta dura xornada do 30 de xaneiro.

viernes, 20 de enero de 2017

Presentación

Fai uns días presentamos a conta de Facebook do Proxecto de escavación e consolidación arqueolóxica do campamento romano de Cidadela. Agora tócalle a quenda a este novo soporte de información e divulgación: unha bitácora que irá relatando e debullando polo miúdo as novidades e segredos deste xacemento formidable.