lunes, 13 de febrero de 2017

Santa María da Ciadella

Cidadela tamén conta unha historia máis aló do abandono do forte polos oficiais e soldados da Cohors I Celtiberorum, as súas familias e a súa facenda. Dos tempos medievais, época dourada nas terras de Curtis e o condado de Présaras, subsite en pé, empoleirada sobre as pedras vivas de romanos e suevos, a magnífica igrexa parroquial de Santa María da Ciadella.

Para quen visite o campamento (e recomendamos facelo de vagar e cos ollos ben abertos) resulta inexcusable gozar deste pequeno templo rural, situado xusto extramuros do forte, quen sabe si sobre a mesma cannaba. Rodeada pola "parroquia do mortos", a parroquia dos vivos da Ciadella é unha pequena xoia do románico das Agras, un templo lilliputiense formado por unha nave rectangular e cabeceira cadrada. Malia as reformas sufridas ao longo do tempo, sobre todo na portada, ainda mostra na escala, nas proporcións, na fortaleza dos contrafortes e na delicadeza enigmática dos seus canicelos, as características da suxestiva arquitectura relixiosa de finais do século XII. E como aquí non damos puntada sen fío, reparen tamén no excelente exemplo de arquitectura popular situado á entrada do adro: un fermoso hórreo de madeira de tipo Mariñán,  magníficamente restaurado, a "mula de carga" da sociedade campesiña tradicional.








No hay comentarios:

Publicar un comentario