martes, 7 de febrero de 2017

Plan de divulgación: acto de presentación do proxecto Cidadela 2017

O vindeiro xoves 9 de febreiro, ás 20,00 horas, terá lugar no salón de actos da Casa do Concello de Sobrado, na emblemática e fermosa praza do Portal, o acto de presentación do Proxecto de escavación e consolidación arqueolóxica do Campamento Romano de Cidadela. En representación do equipo de traballo participarán Luis Francisco López, arqueólogo director da actuación, e Tito Concheiro, arqueólogo técnico do proxecto e responsable do Plan de divulgación.


Os arqueólogos non somos paracaidistas que aterran, abren o burato e liscan para outra feira. Arestora, resulta inconcebible que un proxecto arquelóxico non conte con actividades didácticas e de divulgación sobre os traballos de campo, o seu devalar e os seus resultados. O noso Plan de divulgación significa unha oportunidade única de convivir coa comunidade local, os primeiros interesados en saber qué diaños facemos nestes duros días de invernía polas ruinas do forte romano, esas enigmáticas pedras vivas que xa estaban aí cando naceron e que os acompañarán durante toda a súa vida.

Os seráns de febreiro non están feitos para eventos sisudos e académicos. Este é un acto público  e queremos que sexa entretido, didáctico e divertido, aberto aos veciños de Sobrado e a todos aqueles que estades interesados no proxecto, os auténticos protagonistas desta herdanza marabillosa: Cidadela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario