viernes, 23 de junio de 2017

Debuxando fadas

Os protagonistas foron eles e resulta imposible, e non sería xusto ademáis, destacar a ninguén. Foi un día especial para todos, unha memorable xornada de portas abertas no colexio e no campamento que permitiu que a maioría dos alumnos do centro escolar de Sobrado visitaran Cidadela... por primeira vez nas súas vidas! Incrible pero certo, tal e como dicían os reclamos publicitarios dos espectáculos, filmes e cómics de fantasía da era pre-dixital.

 O obradoiro de debuxo e imaxinación, esta experiencia, tan divertida e enriquecedora, dende logo abre unha nova porta para o vello forte da gándara, pero tamén amosa moitas leccións. Unha delas, e non a menos importante, é que os nenos, organizados ou non en grupos escolares, non son espectadores pasivos na visita aos sitios arqueolóxicos. Actúan cos restos, imaxinan, gozan e aprenden. En Cidadela aconteceu exactamente iso, algo moi a subliñar se temos en conta que arestora é un xacemento de visita árida, coas zonas escavadas difícilies de entender, sen apoios interpretativos complementarios, ... Aquí todo se ten que facer a traveso da vista, o ouvido, os olores, a palabra, ... en resume: dende as emocións e as sensacións que trasmiten o forte romano e a súa fermosa paisaxe.

Agradecidos como poucos grupos de visitantes, a rapazada do CEIP Virxe do Portal agasallou ao Campamento con auténticas obras mestras, un leigado que enriquece a memoria destas pedras vivas que os acompañarán sempre. Vaia aquí unha mostra representativa e que reflicte un manual en tres capítulos moi útil para os arqueólogos esforzados neste aspecto tan difícil como é a comunicación e a interpretación do patrimonio. En realidade, que viron na visita? Estas son as aportacións de tres alumnos de idades e ciclos distintos, dende o primeiro infantil ata o último de primaria. 

Leo, o máis pequeno, Iria e Saray a nena maior, viviron experiencias diferentes na visita a Cidadela e, nalgún caso, primaron aspectos que nada (ou sí, porqué non?) teñen que ver cos restos visitables e o discurso arqueolóxico convencional. A paisaxe aberta, o colorido de Leo, a representación do arqueólogo traballando dentro da muralla que fixo Iria, e esa cidade fortificada con cerca e torreóns que pintou Saray, reflicten a mesma realidade vista por ollos distintos, pero moi abertos e prespicaces. Atribúese a Picasso aquela frase marabillosa e de tanto fondo: "Dende mozo pintaba coma Rafael, pero levoume toda a vida aprender a debuxar coma un neno". Agora tócanos a nós seguir aprendendo deles.





No hay comentarios:

Publicar un comentario