miércoles, 21 de junio de 2017

Aprendendo, e gozando, na Ciadella

Non houbo nada coma eles, como esa tolemia de diminuta cohorte que se apropiou do forte romano o pasado venres 9 de xuño. Ese día, despois de varios aprazamentos inevitables, fixemos o tan desexado obradoiro de debuxo e imaxinación cos rapaces do CEIP Virxe do Portal de Sobrado, unha actividade incluida no Plan de Divulgación da actuación arqueolóxica. E abofé que pagou a pena.

Nun día espléndido, ao calor dun sol resplandecente como só teñen as mañáns de primavera nas Agras coruñesas, a luz e a paisaxe da miña infancia, o centro escolar, rapaces e profes, desprazouse en masa ao campamento. Logo dunha explicación lúdica, activa e moi divertida, de percorrer o vello agro da Cerca e da clásica merenda escolar en bolsa de tela, voltamos ao patio do colexio, onde, organizados en grupos segundo idade, a rapazada librou a corda da súa creatividade. Cuns medios sinxelos, pero moi prácticos, deseñaron o que eles viron, imaxinaron ou soñaron. Houbo de todo, e todo bo, pero rechama a impactante presenza, ademáis da impoñente muralla e outras construcións, de obxectos cotiáns, labouras diarias e tamén, atendan ben, multitude de seres vivos: animais, plantas e persoas que poblaban os escenarios mudos. Que contraste cos aburridos dibuxos "arquitectónicos" que dominan as recreacións ao uso dos xacementos arqueolóxicos! Logo, todas esas pequenas obras mestras da espontaneidade e a imaxinación, perduráronse na escola arredor dun gran mural sobre o campamento que eles mesmos fixeran previamente. E aí seguen, para quen as queira gozar.

Foi unha xornada fantástica e todos aprendimos, pero seguramente eu máis que ninguén. Aí, na primeira liña de combate da divulgación arqueolóxica, decátaste do lonxe que está a nosa forma de interpretar e comunicar o pasado a traveso das ruínas e dos restos materiais. Os rapaces de Sobrado non son uns autómatas. Son listos, alegres e teñen os ollos moi abertos, por iso non representaron mecánicamente o que vían, coma se fosen vulgares cámaras dixitais. Soñaron pintando, imaxináronse a eles mesmos diante da Ciadella nun tempo pasado e, sobre todo, contaron historias, pequenas instantáneas tiradas dunha memoria moi lonxana. Toda unha lección.




No hay comentarios:

Publicar un comentario